jueves, 22 de mayo de 2008

Depende

Non sabía por que estaba alí. Ben, si o sabía: para un tratamento biolóxico dunha enfermidade autoinmune. O caso é que non sabía se era certo iso de que a sorte non vén, que hai que buscala. Tamén aquilo de que se queres estar san, tés que ser feliz. Porque se es feliz aumentan as túas defensas, e se aumentan as túas defensas, como é lóxico tés o corpo defendido incluso de enfermidades tan serias coma a que ela padece e outras que non merecen ser nomeadas, por arrepiantes e fatais.
Por suposto, se non tés ningún destes problemas tamén es máis FELIZ…e así sucesivamente.
Os libros de “autoaxuda” insisten en que, ante o mesmo problema, dúas persoas cun diferente enfoque da vida, senten e reaccionan de forma moi diferente: uns positivamente e outros negativamente. É dicir, que cadaquén ten a chave da súa felicidade.
-¡E un corno de vaca do país! (con perdón para os rumiantes).
Cada un sente e padece como a súa nai natureza lle da a entender, e como os seus xenes lle ditan. Seguramente algún científico dirá que tamén o que padece ten a culpa da súa herdanza…Falar non ten cancelas.
-¡Outro corno para eles! (sen perdón).
Eu quedo coa sabedoría popular reflectida nos refraneiros: “Uns nacen con estrela e outros estrelados” que actualizado sería: “Uns navegan por internet á procura de diversión e outros polo Océano Índico á procura do ATÚN".
-¿E quen é máis feliz dos dous? ¿Ti que dis?
-¡¡DEPENDE!!- contesta o enfermeiro.
-¿De que depende?
- ¡Home! Din que é máis pobre non o que menos ten, senón o que moito ambiciona.
-¡Cómenche os miolos, galeguiño! Pois eu diría que hoxe, venres pola tarde, seguro que che había gustar máis estar na túa casa ou nun ¿¿CONGRESO?? coma os médicos no canto de estarme chuzando a min. ¿Non si?
- Cala, que estou doente. Agora que sacaches o tema… bla, bla, bla…Pero ¡que lle vas facer!: A vida é así. ( Se xa o dicía eu: outro queimado que practica a autosuxestión para ir tirando).
-A túa, enfermeiriño, a túa. E dígocho desde o aprecio que che teño, que non é por nada. Xa sabes que a min non me gusta meterme na vida dos demais.
-Xa, xa. Ti tamén tés unha boa retranca. Non sei de onde es pero… desde logo, de Ponferrada non pasas.
“¿Ou que?”

No hay comentarios: